BENVIDOS Ó BLOG DO COMEDOR ESCOLAR DO C.E.I.P. OS MUÍÑOS

Un saúdo a todos os que vos achegades ata esta ventá informativa. Con este blog queremos dar a coñecer un dos Servizos Educativos Complementarios do noso centro escolar. Explicarvos cal é a súa finalidade, como funciona, que persoas traballan nel, quen se pode beneficiar do seu uso, como se preparan e seleccionan os menús..., en definitiva, todo o que estea relacionado co comedor e coa súa xestión. Visitádenos de vez en cando e deixade os vosos comentarios. Estamos seguros de que as vosas aportacións axudarán a mellorar este servizo na medida do posible.

viernes, 26 de marzo de 2010

QUEN PODE SER USUARIO DO COMEDOR ESCOLAR?



Según a normativa vixente (O. do 21/02/2007, D.O.G 05/03/2007) serán usuarios do servizo de comedor:


a) Todo o alumnado do centro, correspondendo ó Consello Escolar do centro a selección e admisión nos casos en que o número de solicitudes supere o de prazas dispoñibles, ó tempo que se procurará a ampliación do comedor consonte as demandas existentes.

b) O persoal encargado da atención ó alumnado usuario do comedor, independentemente da súa categoría e relación de emprego.

c) O profesorado e persoal non docente do centro que soliciten o servizo, sempre que existan prazas vacantes, e se dispoña de persoal colaborador suficiente para a atención do alumnado.

O alumnado que non utiliza o servizo de transporte tampouco ten dereito ó servizo de comedor, sin embargo pode solicitalo cubrindo este modelo que se presentará diante do Consello Escolar para a súa aprobación, de ser o caso. Unha vez comunicada á familia a resolución favorable do Consello Escolar, o alumno poderá utilizar o servizo aboando a cantidade de 3,00 € diarios. Nos cinco primeiros días de cada mes, recolleranse no colexio os modelos para efectuar o pago nunha das entidades bancarias autorizadas para o efecto. Unha vez feito o ingreso, a familia entregará no centro a certificación do mesmo, o cal dalle dereito a seguir utilizando o servizo. Para máis información preme aquí.

martes, 16 de marzo de 2010

A ENCARGADA DO SERVIZO DE COMEDOR

Sandra é a mestra que se encarga do servizo de comedor. Aquí vémola organizando e supervisando a primeira quenda, onde comen os máis pequenos, pero esta non é a súa única función. Sandra coordina as actividades que permiten o desenvolvemento de aspectos e normas relacionadas co hábito de saber comer e coas relacións sociais, así como as relacionadas co tempo de lecer para dinamizar a atención do alumnado usuario. Actualiza o inventario do equipamento do servizo de comedor e a súa reposición, coordínase coa dirección do centro para a elaboración de menús e para facer a distribución do orzamento e levar o control do gasto.

miércoles, 10 de marzo de 2010

PERSOAL COLABORADOR: MESTRES E NON DOCENTES










Os mestres e persoal non docente (conserxe e coidadora), tamén prestan servizo no comedor atendendo ó alumnado dentro do mesmo ou no patio nos periodos de lecer anteriores ou posteriores á hora de comer. Podes informarte das funcións do persoal que atende ós usuarios dentro do comedor premendo aquí

viernes, 5 de marzo de 2010

PERSOAL COLABORADOR: AS NAIS

Ó mediodía o alumnado fai algo máis que comer. Tamén teñen os seus momentos de lecer nos que deben estar atendidos por adultos. No caso de Infantil, este coidado e atención corre a cargo das nais colaboradoras. En canto os nenos saen do comedor, os acompañan ó patio de infantil e ademais de vixiar os seus xogos axúdanos no que precisan. Se queres saber cales son as funcións das nais colaboradoras preme aquí e le o documento.
Na actualidade contamos con 10 nais para este labor. Polo número de alumnos de Infantil, tres colaboradoras acoden diariamente ó colexio e desenvolven o seu traballo de 13.30 a 14.30 h.


O día que chove non se pode utilizar o patio e os rapaces teñen que ocupar algún dos espazos cubertos que destinamos para estas ocasións: patio cuberto, audiovisuais ou sala de xogos.

O alumnado sabe que cada espazo ten as súas normas de funcionamento que todos debemos cumprir, tanto para respectarnos e aprender a convivir como para coidar o material que está á súa disposición.

martes, 2 de marzo de 2010

PERSOAL DE COCIÑA


Estas son Sandra e Lola, cociñeira e axudante de cociña. Elas encárganse non só de cociñar, senón que teñen máis tarefas. Reciben e almacenan a mercancía que traen os distribuidores, rexistrando a súa entrada nunha ficha do Sistema de Autocontrol do Comedor Escolar (A.P.P.C.C.), lavan e preparan os alimentos antes do seu uso, colocan os servizos nas mesas para a 1ª quenda, axudan a servir a comida nas mesas, e encárganse da limpeza da menaxe, aparellos de cociña, e do comedor, seguindo un Protocolo de Limpeza que está incluído no Sistema de Autocontrol e que se revisa anualmente.
Tamén fan o rexistro da comprobación do nivel de cloro na auga, da temperatura da cámara frigorífica, conxelador e mesa quente, gardan e etiquetan as mostras de comida durante 72 horas, e mantéñense en contacto coa encargada de comedor para informala de todos os productos ou materias primas que se precisan para o funcionamento diario do servizo.
Ademais, Sandra encárgase, voluntariamente da formación do alumnado de 3º ciclo para que coñezan as normas básicas de atención ós usuarios do comedor.