BENVIDOS Ó BLOG DO COMEDOR ESCOLAR DO C.E.I.P. OS MUÍÑOS

Un saúdo a todos os que vos achegades ata esta ventá informativa. Con este blog queremos dar a coñecer un dos Servizos Educativos Complementarios do noso centro escolar. Explicarvos cal é a súa finalidade, como funciona, que persoas traballan nel, quen se pode beneficiar do seu uso, como se preparan e seleccionan os menús..., en definitiva, todo o que estea relacionado co comedor e coa súa xestión. Visitádenos de vez en cando e deixade os vosos comentarios. Estamos seguros de que as vosas aportacións axudarán a mellorar este servizo na medida do posible.

sábado, 24 de abril de 2021

MENÚ DÍA DO LIBRO 2021

Cada ano cando chega o 23 de abril, as cociñeiras preparan un menú relacionado co tema anual e co título escollido para celebrar o día do libro. Como este ano todo xira en torno ós Camiños de Santiago e os libros seleccionados para o maratón de lectura foron "Bo camiño, Valentiño""A Ecopanda e o misterio do románico", Sandra e Asun elaboraron un menú que con moito pracer degustaría calquera peregrino que entra en terras galegas:


Un primeiro prato saboroso: empanada de bacallao, elaborada con produtos de cercanía, igual que o resto do menú.

De segundo, outro prato típico galego: carne ó caldeiro. Un xantar consistente para repoñer forzas despois do longo camiño.



E de sobremesa non podía faltar a tarta de Santiago, elaborada de xeito artesanal e con indicación xeográfica protexida. Todo un luxo para o padal.

Aquí deixamos unha mostra da hora do xantar: