BENVIDOS Ó BLOG DO COMEDOR ESCOLAR DO C.E.I.P. OS MUÍÑOS

Un saúdo a todos os que vos achegades ata esta ventá informativa. Con este blog queremos dar a coñecer un dos Servizos Educativos Complementarios do noso centro escolar. Explicarvos cal é a súa finalidade, como funciona, que persoas traballan nel, quen se pode beneficiar do seu uso, como se preparan e seleccionan os menús..., en definitiva, todo o que estea relacionado co comedor e coa súa xestión. Visitádenos de vez en cando e deixade os vosos comentarios. Estamos seguros de que as vosas aportacións axudarán a mellorar este servizo na medida do posible.

jueves, 12 de febrero de 2026

OBRADOIRO DE COCIÑA: 4º EP ELABORA... CROQUETAS!

O alumnado de 4º de Educación Primaria converteuse en auténticos cociñeiros e cociñeiras grazas a un obradoiro de cociña celebrado no comedor escolar.

Da man das nosas cociñeiras, o grupo coñeceu de primeira man os ingredientes necesarios para elaborar unhas deliciosas croquetas. Pero non só cociñaron: tamén puxeron en práctica as matemáticas, calculando as cantidades precisas para preparar a masa. Foi unha excelente oportunidade para comprobar como as aprendizaxes da aula teñen aplicación directa na vida cotiá.

Durante toda a actividade destacou o traballo colaborativo. O alumnado organizouse, axudouse mutuamente e participou con entusiasmo en cada tarefa, demostrando responsabilidade, compañeirismo e moitas ganas de aprender.

O resultado foi unha experiencia moi completa, na que se mesturaron aprendizaxe, convivencia e diversión… e, por suposto, unhas croquetas feitas con moito agarimo.

Compartimos a continuación algunhas imaxes.



No hay comentarios:

Publicar un comentario