BENVIDOS Ó BLOG DO COMEDOR ESCOLAR DO C.E.I.P. OS MUÍÑOS

Un saúdo a todos os que vos achegades ata esta ventá informativa. Con este blog queremos dar a coñecer un dos Servizos Educativos Complementarios do noso centro escolar. Explicarvos cal é a súa finalidade, como funciona, que persoas traballan nel, quen se pode beneficiar do seu uso, como se preparan e seleccionan os menús..., en definitiva, todo o que estea relacionado co comedor e coa súa xestión. Visitádenos de vez en cando e deixade os vosos comentarios. Estamos seguros de que as vosas aportacións axudarán a mellorar este servizo na medida do posible.

domingo, 31 de octubre de 2021

PROXECTO ECOCOMEDORES ESCOLARES

 

Produtores locais e colexios volver unir camiños arredor do proxecto Ecocomedores Escolares

Nani Moré, da consultora Mengadors Ecologics, levou o peso da charla do proxecto do GDR Costa da Morte.

Volveron as reunións presenciais arredor do proxecto de Ecocomedores Escolares que coordina o GDR Costa da Morte. Un fermosísimo proxecto, que trata de unir os camiños das cociñas dos colexios da nosa comarca cos produtores locais, para fomentar unha cociña máis saudable, máis sostible, e que nos sirva para irmos poñendo en valor os produtos de temporada e de proximidade.

E tamén para que os centros de ensino da zona poida incluír a alimentación dentro do proceso educativo. “A alimentación nun colexio ten que ser como unha asignatura”, explica José Antonio Vila, o xerente do ente comarcal. “Se hai algún pai que protesta porque ao seu neno non lle gustan as Matemáticas, a que ninguén se atrevería a quitalas?”, reflexiona. Sería unha ferramenta ideal para mellorar o equilibrio nutricional e educar o padal dos escolares.

O proxecto, coordinado coa axuda da iniciativa catalá “Mengadors Ecologics”, sufriu un parón pola pandemia, e malia que se mantiveron os contactos a través de videoconferencia, fan falta estas sesións presenciais para reactivalo. Á deste mércores acodiron representantes de 7 colexios costeiros e outros tantos produtores.

O proxecto suma todo para ser unha aposta segura. “Hai que aproveitar máis este proxecto, porque os colexios da Costa da Morte teñen a sorte de ter aínda cociña propia, e pódese seguir evitando os cáterings e usar produto do territorio”, sinala Vila, en sintonía co que nos contaba Sandra Varela, a cociñeira do CEIP Os Muíños membro da RedChef2023 hai un par de anos: “É un crime que esteamos abrindo croquetas conxeladas nos comedores escolares”.

Ademais, dende o GDR focalizan en que apostar por unha comida saudable e de proximidade non supón un incremento dos custes para os centros de ensino. Si que é necesario o compromiso, a medio prazo tanto das direccións e o persoal de cociña dos centros, como dos produtores. Os primeiros terían que unifiicar pedidos, para facilitar aos produtores poder formular as prantacións temporada a temporada.

E para iso o grupo de traballo está poñendo en marcha un “Menú tipo” (menús escolares adaptados ao territorio) que poida ser compartido polos centros participantes, que facilite a labor das cociñas e sirva aproveitar mellor as producións, como fan en moitas partes de Cataluña, ou mesmo na zona das Mariñas.



No hay comentarios:

Publicar un comentario