BENVIDOS Ó BLOG DO COMEDOR ESCOLAR DO C.E.I.P. OS MUÍÑOS
Un saúdo a todos os que vos achegades ata esta ventá informativa. Con este blog queremos dar a coñecer un dos Servizos Educativos Complementarios do noso centro escolar. Explicarvos cal é a súa finalidade, como funciona, que persoas traballan nel, quen se pode beneficiar do seu uso, como se preparan e seleccionan os menús..., en definitiva, todo o que estea relacionado co comedor e coa súa xestión. Visitádenos de vez en cando e deixade os vosos comentarios. Estamos seguros de que as vosas aportacións axudarán a mellorar este servizo na medida do posible.
No pasado mes de novembro desenvolvéronse en Cee unhas xornadas para promocionar a economía azul nas zonas pesqueiras, que engloba a pesca responsable, a gastronomía Km 0 e o turismo sostible.
Na charla-coloquio organizada na Casa da Cultura de Cee participou Sandra Varela, a nosa cociñeira, como representante deste gremio dentro de Slow Food Compostela apoiando coa súa experiencia a sustentabilidade e o produto Km 0.
Continuamos desenvolvendo actividades en torno ao tema anual "Cos pés na terra". Nesta ocasión foi o alumnado de 5º EP quen desenvolveu o seu nivel competencial no comedor elaborando con Sandra unha pizza vexetal.
Utilizando a ficha técnica deste prato e apoiándose nas matemáticas para pesar, na xeografía para coñecer a procedencia dos ingredientes, e nas linguas para usar o vocabulario específico dos útiles de cociña conseguiron elaborar as pizzas que se serviron como primeiro prato do menú dese día. Iso si, sempre traballando de xeito colaborativo enequipo para obter o produto final.
Aquí queda unha mostra da tarefa realizada. Bo proveito!
Este curso o Proxecto Documental do centro leva por título "Cos pés na terra". En torno a este tema estudaremos o coidado do planeta, os animais que viven sobre a terra ou debaixo dela, os oficios e traballos que dependen da terra e, como non, as materias primas que proporciona a terra para a nosa alimentación. Con este último aspecto está moi relacionado o papel do comedor escolar, xa que a diario utilizamos produtos da terra para a elaboración dos menús.
Hoxe foi un bo día para que o alumnado de 6º EP desenvolvera o seu nivel competencial no comedor elaborando con Sandra un pastel de remolacha. Partindo dunha ficha técnica deste doce utilizaron as matemáticas para pesar, a xeografía para coñecer a procedencia dos ingredientes, manexaron vocabulario específico dos útiles de cociña e traballaron en equipo colaborativamente para obter o produto final.
Aquí deixamos unha mostra:
Como ademais coincidiu que en 6º EP se está estudando a alimentación en Ciencias Naturais, aproveitouse para ampliar os coñecementos explicando o dano que pode causar o exceso de azucre nos alimentos procesados e a importancia de equilibrar o menú tendo en conta o Prato de Harvard.
Os días 17 e 30 de outubro as familias do noso alumnado estiveron convidadas a visitar o comedor escolar para asistir á décima edición da mostra de elaboración de menús.
Nesta actividade, na que sempre contamos coa colaboración de Sandra, a cociñeira, amosáronse os produtos para a elaboración do menú do día (todos eles de proximidade, frescos e de tempada), explicouse a vantaxe da utilización destes produtos fronte aos envasados e a cantidade de azucre que conteñen os procesados. Para finalizar as familias degustaron unha crema, hamburguesa de garavanzos, empanada e iogures ecolóxicos.
Como este curso o tema do Proxecto Documental Integrado é "A cultura castrexa", desde o comedor escolar tamén quixemos sumarnos un ano máis a esta proposta elaborando un menú castrexo. Logo dun labor de investigación, averiguamos que os habitantes dos castros se alimentaban de:
🍲 Potaxe de fabas
🍖 Costela de porco asada con verzas
🍪🍯 Filloas con mel e arandos
👌Moitas grazas ás nosas cociñeiras Carolina e Asun pola elaboración deste menú tan especial.
A semana do 18 de marzo o alumnado de 6º EP traballou na aula sobre unha noticia que saíu na prensa o Día Mundial da tortilla de pataca. Ademais do labor de investigación sobre a orixe da tortilla francesa e as distintas elaboracións da tortilla de patacas, a actividade rematou no comedor escolar elaborando unha tortilla entre todo o alumnado coa colaboración das cociñeiras Carolina e Asunción.