BENVIDOS Ó BLOG DO COMEDOR ESCOLAR DO C.E.I.P. OS MUÍÑOS

Un saúdo a todos os que vos achegades ata esta ventá informativa. Con este blog queremos dar a coñecer un dos Servizos Educativos Complementarios do noso centro escolar. Explicarvos cal é a súa finalidade, como funciona, que persoas traballan nel, quen se pode beneficiar do seu uso, como se preparan e seleccionan os menús..., en definitiva, todo o que estea relacionado co comedor e coa súa xestión. Visitádenos de vez en cando e deixade os vosos comentarios. Estamos seguros de que as vosas aportacións axudarán a mellorar este servizo na medida do posible.

miércoles, 22 de diciembre de 2021

CAMPAÑA "MERCAPROXIMIDADE"

O GDR Costa da Morte en colaboración coa Consellería de Medio Rural organizou unha Xornada con produtos de Mercaproximidade nun comedor escolar e convidou ao noso centro a participar, facilitándonos unha serie de produtos agroalimentarios de calidade para ser cociñados por Sandra e Asun.

Como o día 21 de decembro remataban as clases e comezaban as vacacións de Nadal, aproveitamos a ocasión para celebralo cun menú especial:

1º prato: Verdinas de Lourenzá da IXP estofadas con verduras de tempada.





2º prato: Porco celta con salsa de mazá e patacas de Xinzo da IXP "Pataca de Galicia".






Sobremesa: Queixo da DOP "Arzúa-Ulloa" con mel da IXP "Mel de Galicia".




Un menú de luxo para un día especial. O noso agradecemento á Consellería de Medio Rural, ó GDR Costa da Morte e ás nosas cociñeiras Sandra e Asun.

domingo, 31 de octubre de 2021

CHARLAS DE SLOW FOOD COMPOSTELA

O martes 26 de outubro recibimos a visita de Leonor Lorenzo Abalo, presidenta de Slow food Compostela que, xunto con outra compañeira, ofreceron unhas charlas informativas ao alumnado de 5º e 6º EP.


Esta actividade formaba parte da II Campaña "Come Local" que se iniciou no mes de marzo deste ano.

Falaron da importancia da boa alimentación non só polos beneficios que aporta, senón tamén porque favorece a conservación do medio.

 


Abordaron cuestións como o consumo de produtos de cercanía e de tempada, as denominacións de orixe de Galicia...






Agardamos poder participar na próxima campaña de "Come Local".



PROXECTO ECOCOMEDORES ESCOLARES

 

Produtores locais e colexios volver unir camiños arredor do proxecto Ecocomedores Escolares

Nani Moré, da consultora Mengadors Ecologics, levou o peso da charla do proxecto do GDR Costa da Morte.

Volveron as reunións presenciais arredor do proxecto de Ecocomedores Escolares que coordina o GDR Costa da Morte. Un fermosísimo proxecto, que trata de unir os camiños das cociñas dos colexios da nosa comarca cos produtores locais, para fomentar unha cociña máis saudable, máis sostible, e que nos sirva para irmos poñendo en valor os produtos de temporada e de proximidade.

E tamén para que os centros de ensino da zona poida incluír a alimentación dentro do proceso educativo. “A alimentación nun colexio ten que ser como unha asignatura”, explica José Antonio Vila, o xerente do ente comarcal. “Se hai algún pai que protesta porque ao seu neno non lle gustan as Matemáticas, a que ninguén se atrevería a quitalas?”, reflexiona. Sería unha ferramenta ideal para mellorar o equilibrio nutricional e educar o padal dos escolares.

O proxecto, coordinado coa axuda da iniciativa catalá “Mengadors Ecologics”, sufriu un parón pola pandemia, e malia que se mantiveron os contactos a través de videoconferencia, fan falta estas sesións presenciais para reactivalo. Á deste mércores acodiron representantes de 7 colexios costeiros e outros tantos produtores.

O proxecto suma todo para ser unha aposta segura. “Hai que aproveitar máis este proxecto, porque os colexios da Costa da Morte teñen a sorte de ter aínda cociña propia, e pódese seguir evitando os cáterings e usar produto do territorio”, sinala Vila, en sintonía co que nos contaba Sandra Varela, a cociñeira do CEIP Os Muíños membro da RedChef2023 hai un par de anos: “É un crime que esteamos abrindo croquetas conxeladas nos comedores escolares”.

Ademais, dende o GDR focalizan en que apostar por unha comida saudable e de proximidade non supón un incremento dos custes para os centros de ensino. Si que é necesario o compromiso, a medio prazo tanto das direccións e o persoal de cociña dos centros, como dos produtores. Os primeiros terían que unifiicar pedidos, para facilitar aos produtores poder formular as prantacións temporada a temporada.

E para iso o grupo de traballo está poñendo en marcha un “Menú tipo” (menús escolares adaptados ao territorio) que poida ser compartido polos centros participantes, que facilite a labor das cociñas e sirva aproveitar mellor as producións, como fan en moitas partes de Cataluña, ou mesmo na zona das Mariñas.



SANDRA NA RED CHEF

 Red Chef 2030 en Barcelona

A cociñeira do CEIP Os Muíños, unha das grandes valedores da cociña de proximidade nos centros de ensino no rural, que trata de espallar a súa experiencia de cociña saudable nos comedores escolares coa posta en común cos produtores locais estivo en Barcelona. Foi no marco dunhas xornadas de traballo da Rede Chef 2030, colectivo do que forma parte dende hai uns meses.

Unhas xornadas no marco da Semana na Capital Mundial da Alimentación de Barcelona, de cheas de ilusión e profesionalidade, tratando de convertir a súa profesión nun hobbie, aprendendo e mellorando. A idea foi presentar un menú ecolóxico degustación para 200 persoas con produto todo local.

Sandra convírtese xa en asesora da rede en caso de que algunha entidade galega ou da Costa da Morte queira entrar na rede. E de feito, este mércores ás 17:00h no Centro Sociocultural de Baio continúa en marcha o proxecto dos Ecocomedores da Costa da Morte a través do GDR cunhas novas “Xornadas de promoción e sensibilización, menús de temporada calor para comedores saudables e sostibles con circuitos curtos de comercialización”. Hai case unha decena de centros e media ducia de produtores confirmados e dende o grupo esperan maior implicación.

sábado, 15 de mayo de 2021

APRENDENDO SOBRE PRODUTOS DE TEMPADA

Dentro da campaña "Come local" temos a oportunidade de formar ós pequenos usuarios do comedor escolar para que aprendan a identificar os produtos de tempada e as vantaxes de adquirilos no momento oportuno. Desta vez centrámonos nos produtos de primavera.

Pouco a pouco, o alumnado de Infantil e Primaria, vai escoitando os sabios consellos de Sandra, a nosa cociñeira, sobre os beneficios de consumir produto local de tempada:

* Son máis sans e saborosos, xa que manteñen intactas todas as súas propiedades nutricionais, textura, cheiro e sabor.

* Son máis baratos, xa que ó haber máis dispoñibilidade destes produtos no mercado diminúe o prezo.

* Son máis exolóxicos porque respectamos o ciclo natural e a zona de produción dos mesmos.

Moitas grazas a Slow food Compostela polo material gráfico proporcionado.

sábado, 24 de abril de 2021

MENÚ DÍA DO LIBRO 2021

Cada ano cando chega o 23 de abril, as cociñeiras preparan un menú relacionado co tema anual e co título escollido para celebrar o día do libro. Como este ano todo xira en torno ós Camiños de Santiago e os libros seleccionados para o maratón de lectura foron "Bo camiño, Valentiño""A Ecopanda e o misterio do románico", Sandra e Asun elaboraron un menú que con moito pracer degustaría calquera peregrino que entra en terras galegas:


Un primeiro prato saboroso: empanada de bacallao, elaborada con produtos de cercanía, igual que o resto do menú.

De segundo, outro prato típico galego: carne ó caldeiro. Un xantar consistente para repoñer forzas despois do longo camiño.



E de sobremesa non podía faltar a tarta de Santiago, elaborada de xeito artesanal e con indicación xeográfica protexida. Todo un luxo para o padal.

Aquí deixamos unha mostra da hora do xantar:

                                   

 


 
                            
                               













miércoles, 3 de marzo de 2021

ENTREVISTA A SANDRA VARELA, COCIÑEIRA DO CEIP OS MUIÑOS

 

Sandra Varela: “Nós estamos pra educar padais, non pra encher barrigas”

Que unha boa alimentación é esencial para a nosa calidade de vida parece difícil de negar. Porén, cada vez parece máis complicado proporcionar comidas baixas en azucres e graxas, cando o sistema no que vivimos nos obriga a andar sempre con presas e rematamos comendo comidas precociñadas que parecen moi lonxe dos pratos con verduras que se nos di de nenas que deberíamos comer. E, se a iso lle sumamos unha publicidade que nos bombardea con hamburguesas e chocolatinas, educar ás crianzas nunha alimentación sa semella todo un reto. Con todo, aínda hai xente disposta a achegar ás máis pequenas a outro xeito de comer, como é o caso de Sandra Varela. Esta cociñeira do CEIP Os Muíños de Muxía desde hai quince anos, é desde hai tres unha das impulsoras de Ecocomedores da Costa da Morte, un proxecto comarcal —que conta co apoio do GDR Costa da Morte—, e que busca cambiar totalmente a alimentación que se lles dá nos comedores aos nenos e nenas contribuíndo ademais á produción local. O seu obxectivo, deixar de encher barrigas e comezar a educar padais”.

Sandra Varela no colexio.

De que xeito estades a cambiar a idea dos comedores escolares na vosa escola?
Diría que é un cambio total. Eu cando cheguei a comedores, os menús estaban moi ancorados na cociña atlántica, con pratos moi enerxéticos e consistentes. Para a época na que vivíamos antes si que eran menús adecuados, pero claro, os nenos e nenas antes corrían máis, axudaban nas casas, e mesmo traballaban. Por iso precisaban ese tipo de menú. Mais, os tempos cambiaron moito e as crianzas de agora son máis sedentarias e necesitan unha dieta máis mediterránea. Porén, o que eu me encontrei ao chegar foron comidas con moita graxa, moita proteína e moi pouca verdura. A iso se lle engadía ademais que todo levaba moito azucre e moitos dos produtos que se utilizaban eran enlatados e conxelados. E quixen mudar todo iso.

E como foi o cambio para as nenas e nenos?
Fomos pouco a pouco, porque non podíamos cambiar o menú de xeito radical de repente. Algunhas desas crianzas xa empezaran o curso acostumadas a outro tipo de menús, con máis proteínas, entón meterlles un cambio moi grande de repente podía ser complicado. Por esa razón fomos moi paulatinamente, con pequenos cambios que permitían adaptar aos nenos e nenas que entraban novos ao colexio.

Os ovos son de Zas e o legume de Coristanco. Se o pensas, antes era así como se facía, mercando ás persoas que se tiñan cerca sen conxelados ou enlatados.

Que implicou para as crianzas que levaban máis tempo na escola acostumados ao menú antigo?
Tiñámolo un pouco perdido, porque a nenos de de 5º e 6º, por exemplo, é máis difícil cambiarlles o padal en pouco tempo. Hai que ter en conta que o noso menú quere diminuír o azucre que se consume normalmente na actualidade, e é moi complicado tendo en conta que o azucre é a droga do noso século. Todo ten azucre —ata a pasta de dentes—, e todo o que ben envasado ten azucres ocultos. E iso era ao que estaban acostumados os nosos nenos e nenas. Por esa razón eliminei pouco a pouco ese tipo de produtos, como botes en almíbar ou salsas de tomate envasadas. E fomos cambiando estas cousas por froita fresca, iogures, comidas caseiras…

E agora en que se diferencia o menú que había antes co que servides agora?
Aparte do tema do azúcar, antes era moi típico poñer proteína no primeiro e no segundo prato. Nós conseguimos eliminar iso. Hoxe non temos proteína no primeiro prato, só verduras ou algún hidrato, e só poñemos proteínas no segundo. Ademais disto, conseguimos incorporar verdura en ambos pratos durante toda a semana. Se falamos de cantidades, cando eu cheguei a Os Muíños as crianzas estaban comendo de media uns 20 ou 30 gramos de verduras, e agora xa chegan aos 100. Ademais de aumentar o consumo de legumes, tamén repartimos as proteínas en ovo, peixe e carne. Antes había menos variedade. Tamén conseguimos que este ano se instaurase só proteína vexetal un día ao mes, como garavanzos ou lentellas. Un día sen nada de proteína animal. E no postre, quitamos os iogures de sabores ou con azucre, e só poñemos ecolóxico ou natural. Os iogures por agora veñen de Xanceda porque non os temos máis cerca.

E todo isto contribuíndo a produción local, non?
Si. Nós consumimos todo o produto que comemos de temporada e de km0. Durante a pandemia, de feito, déronnos o selo slow food porque máis do 60% dos produtos que utilizamos están a menos de 50 km do noso comedor. Por exemplo, os ovos son de aquí, de Zas e o legume de Coristanco. Se o pensas, antes era así como se facía, mercando ás persoas que se tiñan cerca sen conxelados ou enlatados. Con todo, isto é o que está costando máis, porque ao ser un colexio só, os provedores locais atopan difícil achegarse para subministrarnos só a nós. Por iso eu estou pelexando para traer o proxecto de Ecocomedores á Costa da Morte —que xa está funcionando na Coruña—. Porque se nos puideramos xuntar todos os colexios desta zona —que por outra banda é un dos puntos onde quedan máis escolas públicas con comedor propio na península, e onde aínda aguanta a xestión publica das cociñas, algo que está desaparecendo en moitas zonas—, aos provedores lles sería máis sinxelo subministrarnos.

O importante é consumir todo o que poidamos de proximidade. O que máis me está a costar é a verdura, pero hai pouco cheguei a unha especie de acordo co camión que ma trae, e que lle colle a dous ou tres produtores de aquí de Malpica. Díxenlle que todo o que veña deles ten prioridade e se, por exemplo, eu pedira rabiza pero eles teñen acelga, que lle colla acelga a eles e eu adapto o menú ao que me ofrezan.

Temos o problema de que para conseguir que a xente se una ten que estar moi concienciada e entender que é surrealista que haxa menús como os que está habendo no noso século. Pero non é só cuestión de conciencia, senón tamén de colaboración.

Notades a diferencia nas crianzas?
Si. De feito, precisamente un día que facía moito frío en xaneiro —e coincidiu que non había ningún prato quente—, decidín cambiar o postre e meter un cacao quentiño no menú. O cacao eu fágoo con cacao 100% natural, e como é moi amargo bótolle unha pizquiña de mel, non? Pois os maiores xa o toman así, e encántalles. Mais aos pequenos e pequenas que eran novos deste ano custáballes un montón e se lles notaba moito, porque teñen o padal afeito a produtos con azucre.

E buscades que se unan máis escolas, como vai iso?
O proxecto de Ecocomedores non está sendo moi sinxelo. Hai que ter en conta que ademais se nos xuntou a pandemia, porque empezamos xusto no mes de marzo do ano pasado, polo que está sendo difícil levalo adiante. Traballamos co apoio do GDR (Grupo de Desenvolvemento Rural) da Costa da Morte, e levan asesorándonos desde o principio nos asesora a asociación de Menjadors Ecològics, que asesoran en todo o estado español. Asesoraron tamén aos comedores da Coruña. Eu traballo moi a miúdo con Nani Moré, da asociación catalana. Mais aínda que temos apoio, hai o problema de que para conseguir que a xente se una ten que estar moi concienciada, xente que entenda que é surrealista que haxa menús como os que está habendo no noso século. Pero non é só cuestión de conciencia, senón tamén de colaboración. É dicir, teñen que traballar en conxunto a dirección, os cociñeiros e encargados de comedor, e as nais e pais. Ou, se non están todos de acordo, polo menos que unha delas estea moi convencida de que hai que facer isto e llo demostre aos demais. Moitas veces atopámonos coa tesitura de que hai coles que xa non queren participar, e outros que si ten moito interese o cociñeiro pero a dirección non. Casos como o de Os Muíños, onde todos chegamos a un acordo, hai moi poucos.

E cal pode ser a solución a esta falta de consenso?
Eu diría para empezar que non é culpa da xente que está traballando nos coles, senón que é algo que ten que partir da administración en primeiro lugar. Sería o ideal que viñera da administración e que o comedor escolar fora unha parte do programa do colexio como son as matemáticas, a educación física ou a música. E iso non se está dando. Porque deberíamos acostumar aos nenos e nenas a comer ben igual que lles ensinamos outras materias, e se algún pai vense a queixar de que ao seu fillo non lle gusta a verdura, pois se lle explica que isto tamén é unha aprendizaxe.

Parto da base de que somos o que comemos. Segundo ti te alimentas a túa saúde ao longo da vida vai repercutir niso. De feito estase demostrando que moitas das enfermidades que se están dando neste século parten de xeracións mal alimentadas.

Fáltanos educación alimentaria?
Penso que si. Ata agora os comedores considerábanse como un servizo a maiores do que te favoreces para darlle de comer ao teu fillo ou filla nesta época na que todas as persoas estamos moi ocupadas. Pero eu creo que non debería ser só así. Eu parto da base de que somos o que comemos. É dicir, segundo ti te alimentas a túa saúde ao longo da vida vai repercutir niso. De feito estase demostrando que moitas das enfermidades que se están dando neste século parten de xeracións mal alimentadas. E mentres a xente non sexa consciente diso, non vai ser fácil que o vexan. E eu sempre digo que é fundamental, que o 30% da nosa vida vámolo pasar arredor dunha mesa, xa sexa na casa, por negocios ou por pracer. E, aparte, xa non falemos do que pode repercutir no rural a produción local destinada a comedores escolares. Se consumimos produto local nas escolas, os produtores anímanse, viven no rural e traen ás súas crianzas á escola, co cal se evitaría o despoboamento. É riqueza en todos os sentidos.

E non é certo que sexa máis barato poñer comida precociñada que local, verdade?
Para nada! De feito un dos obxectivos que temos co proxecto —como vemos que a xente non está concienciada o suficiente para dar o salto— e demostrar que é posible e asequible.  Eu xa levo dous anos facéndoo —algo máis no proceso, pero dous co menú totalmente cambiado— e se eu o puiden conseguir, cando teño o mesmo presuposto que os demais colexios, e que calquera pode. Din que a produción local é máis cara, pero iso é falso. Non só porque sae máis barato mercarlle ao produtor local, senón porque ademais unha verdura galega—e máis aínda se é ecolóxica— aprovéitala enteira. Por poñerte un exemplo, eu dun brócoli dun agricultor local aprovéitolle o ramillete e maila penca. O ramillete para guarnición e a penca para a crema. Neste tipo de verduras pódelo aproveitar todo, non tiras nada, non tes merma. Unha cenoura ben lavada non a tes nin que pelar. E iso non pasa cos produtos de supermercado onde xa perdes parte do produto porque non se pode consumir, co cal sae máis caro. Aquí no rural galego pódeslle comprar a unha señora que vende local —que ademais unha verdura dela vaiche valer por tres— por cincuenta céntimos. E se lla compras ao camión que vende por varios sitios, é peor calidade e sáeche a 70.

A iso se lle suma ademais que hai persoas que non saben manipular a verdura e non a aproveitan ben; e tamén que deixan que os nenos repitan proteína e iogures as veces que queiran, co que implica en gasto e para a súa saúde. Nós aos nosos nenos só deixamos que repitan crema ou verduras, nunca a proteína, porque temos calculado o que as crianzas precisas de proteína ao día, uns 100 gramos. Darlle o dobre diso é unha barbaridade. Se algún neno o nena quere comer máis porque ten máis fame —porque si que os hai comedores— entón poden repetir sopa ou verduras. E cando a crianza ten fame e realmente quere repetir, repite crema sen problema. Ningunha das nosas alumnas ou alumnos marcha con fame xamais.